DUVI | Hai dez anos comezaba para os investigadores da Universidade de Vigo David Posada e do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) en Vigo Antonio Figueras a “aventura” da secuenciación do mexillón. Transcorrida unha década, os investigadores da UVigo e do CSIC, xunto a colegas das universidades de Padua e Trieste; do Instituto de Bioloxía Evolutiva (CSIC-UPF) e do Centro Nacional de Análisis Genómico (CNAG-CRG), foron quen de secuenciar o xenoma completo de mexillón mediterráneo (Mytilus galloprovincialis), pero sobre todo de revelar a plasticidade dese xenoma. “Un resultado directo deste traballo é o propio xenoma, aínda que o realmente sorprendente é a súa arquitectura excepcional. Que dous animais da mesma especie poidan ter un 20% do seu xenoma distinto é realmente inaudito, por iso pensamos ao principio que era un erro, pero ao final puidemos comprobar que era certo”, detalla o catedrático da UVigo e co autor principal da investigación, sobre este tipo de ‘panxenoma’ (a colección de todos os xenes nunha especie), que si se observara sobre todo en bacterias, pero que é un fenómeno totalmente novo en animais e que cren, tras analizar as funcións destes xenes, que é unha estratexia evolutiva que lle permite adaptarse a todo tipo de circunstancias.