Enxeñaría Forestal define os puntos estratéxicos para reducir os incendios no Baixo Miño

DUVI | Identificar, ao longo da fronteira entre España e Portugal, unha serie de “zonas estratéxicas de xestión”, puntos nos que unha actuación preventiva permitiría reducir o risco e o impacto dos grandes incendios forestais, constituía un dos obxectivos centrais do proxecto Firepoctep, que nestes días promove en Huelva o Congreso Ibérico sobre Zonas Estratégicas de Gestión. Nel, investigadoras e investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal presentaron os resultados do estudo que centraron nunha das áreas piloto deste proxecto europeo, a comarca do Baixo Miño. Esta análise, que abrangue a realización de preto de 2600 simulacións do comportamento do lume na zona con múltiples condicións meteorolóxicas, permitiulles identificar unha serie de zonas, que representan entre o 5% e o 7% do territorio forestal da comarca, nas que as actuacións sobre a vexetación permitirían deter ou diminuír a intensidade dos lumes forestais.