DUVI | Valorar e dar visibilidade ás investigadoras da institución, ademais de tratar de espertar a vocación científica entre a mocidade galega con figuras femininas da súa contorna como referencia, son os principais obxectivos cos que a Universidade de Vigo acaba de publicar un novo volume, o cuarto xa, do catálogo Quero ser investigadora.
Nesta cuarta edición, ilustrada por Laura Antelo Gómez, difúndese a historia de dez novas referentes, dez mulleres, dez investigadoras, dez nenas que quixeron dedicarse ao que máis lles gusta: achegar novos coñecementos sobre a súa área de traballo que axuden á sociedade a avanzar cara un futuro mellor. Tal e como subliña no preámbulo do libro a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, trátase de “ofrecerlles ás novas xeracións referentes actuais e próximos”, así como de “apoiar a investigación feita por mulleres”.