A Universidade recolle nun libro máis dun cento de refráns e 400 palabras que definen ‘A fala de Vigo’

DUVI | “Vigo é moito máis que o centro urbano castelanizado, Vigo é tamén Rorís, A Falcoa, O Freixo, Moledo, Mide, Baruxáns, O Carballal, Redomeira ou Marcosende, o Vigo de sempre onde o galego é aínda a lingua habitual”. Así de categórico se amosou este mércores o director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, Xosé-Henrique Costas, na presentación do seu último libro A fala de Vigo.Trazos diferenciais da nosa variedade dialectal, unha obra editada co apoio da Área de Normalización Lingüística e na que se defende con rotundidade que na cidade máis castelanizada de Galicia é posible escoitar o galego pola rúa, en buses e mercados, en bares e tendas mais, sobre todo, nas parroquias.