DUVI | O ciclo de charlas Galinfluencers, organizado pola UCC+i co gallo do Día da Ciencia en Galego, chega ao seu fin este vindeiro mércores, 27 de novembro, coa participación da xornalista e condutora de Dígocho Eu da CRTVG, Esther Estévez. “Falarei da miña experiencia nestes cinco anos nas redes e na TVG. Explicarei como naceu o proxecto DígochoEu, como se elabora e como se mantivo no tempo nun momento de consumo tan rápido e de tanta competencia de contidos dixitais”, detalla Estévez sobre esta iniciativa divulgativa en redes da CRTVG que ten a finalidade de achegar o galego ao público, dunha forma entretida e dinámica. Un proxecto polo que a xornalista recibiu en 2022 e 2023 o Premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora, confirmándose como a persoa máis nova en gañar este galardón.