A feira eXXperimenta en Feminino sementa o amor pola ciencia e a tecnoloxía entre a rapazada do sur de Galicia

DUVI | O campus de Ourense acolle este venres a celebración dunha nova edición, a oitava, da súa gran cita anual coa divulgación científica e co fomento da igualdade no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas). Trátase da feira eXXperimenta en Feminino, que cada ano mobiliza un amplo colectivo de persoal docente e investigador da UVigo, principalmente mulleres, co obxectivo de contribuír a rachar dous teitos de cristal neste eido: a falta de referentes femininos científicos na sociedade e a desproporción entre homes e mulleres nas carreiras científico-tecnolóxicas. Máis de 300 escolares achegáronse ao longo da mañá á feira, aberta pola tarde ao público interesado.