DUVI PONTEVEDRA| Co obxectivo de visibilizar o traballo das mulleres na ciencia e na tecnoloxía, crear referentes femininos e rachar cos estereotipos que condicionan a elección de estudos, a Universidade de Vigo promove ao longo deste mes un amplo programa de actividades conmemorativas do 11F, o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Esta programación botou a andar este mércores no campus de Pontevedra cos obradoiros desenvolvidos na Escola de Enxeñaría Forestal e na Facultade de Comunicación, baixo o título de Rachando estereotipos polo 11F. Preto de 50 alumnas e alumnos do IES A Xunqueira participaron nas actividades destes dous centros, como talleres sobre o uso de imaxes por satélite na xestión forestal, loita contra a desinformación e creatividade publicitaria.
