DUVI OURENSE | O venres 20 de febreiro o campus de Ourense celebra unha nova edición, a novena, da súa gran cita anual coa divulgación científica e co fomento da igualdade no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). Trátase da feira eXXperimenta en Feminino, que cada ano mobiliza un amplo colectivo de persoal docente e investigador da UVigo, principalmente mulleres, co obxectivo de contribuír a rachar dous teitos de cristal neste eido: a falta de referentes femininos científicos na sociedade e a desproporción entre homes e mulleres nas carreiras científico-tecnolóxicas.
