DUVI | No ano no que se cumpre medio século da morte da escritora de misterio máis lida da historia e aproveitando a celebración do Día Mundial do Teatro, a Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, en colaboración coa actriz e directora teatral Cristina Collazo, realizou unha adaptación científico-divulgativa da novela Un cadáver na biblioteca, de Agatha Christie.
O museo municipal Quiñones de León de Vigo será o escenario os días 4 e 5 de marzo da representación de Misterio no pazo, na que o alumnado participante terá un rol protagonista. Conducidos por Mónica Camaño, no papel da Señorita Marple, personaxe icónica creada por Agatha Christie, o estudantado de 1º da ESO de catro centros educativos de Vigo terá que realizar diferentes probas e experimentos ata descubrir quen asasinou a protagonista da obra, Ruby Keene, interpretada por Adriana Santos Muñoz.
Os investigadores Tino Quintela, Guillermo Blanco e André Vidal asumirán os papeis de Marqués de Quiñones de León, Mark Gaskell e Raymond Starr, respectivamente. Pola súa banda, as técnicas da UCC+i e Víctor Martínez Mariño serán o persoal do servizo. O elenco complétase coa voz en off de Cristina Collazo (Josie), Zé Paredes (Basil Blake) e Manu Paino (Gastón). O espazo sonoro é obra de Marcos Paino.
