Docentes e investigadoras, xunto coa Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, conmemoran con diversas actividades o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Trátase dunha iniciativa que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación. As actividades contaron tamén coa participación de persoal investigador en fase predoutoral contratado ao abeiro do Programa de axudas á etapa predoutoral da Xunta de Galicia (Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional), cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Programación

Charlas da iniciativa 11 de febreiro

Arredor de sesenta investigadoras da Universidade de Vigo impartirán máis de medio cento de charlas e obradoiros ao longo do mes de febreiro, centrados tanto no seu labor investigador coma no papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas actividades, que se desenvolverán en centros educativos, residencias de persoas maiores, aulas hospitalarias, bibliotecas e outros lugares de interese, enmárcanse na iniciativa 11 de febreiro e contan co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación.

Obradoiros 11F nos campus de Ourense e Pontevedra

A Facultade de Comunicación e a Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra abrirán as súas portas, o día 4 de febreiro, ao alumnado de 4.º da ESO do IES Xunqueira I da mesma cidade. Durante a xornada, o alumnado realizará diferentes obradoiros prácticos nos que se porá en valor o papel das investigadoras e docentes, co obxectivo de contribuír a reverter a segregación por estereotipos de xénero nos estudos universitarios. Pola súa banda, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acollerá o alumnado de 4.º da ESO do IES 12 de Outubro, o 6 de febreiro, para realizar os seguintes obradoiros e poñer en valor o papel da muller na ciencia: Tecnoloxía educativa ao servizo dunha sociedade máis igualitaria, Elaboración dun pódcast sobre o papel da muller nas obras de ficción (audiovisual e banda deseñada) e Experimentamos no laboratorio de didáctica das ciencias naturais.

ElasFanCienTec

Na décima edición deste programa de obradoiros para rapazas de secundaria, convidaranse tamén rapaces á actividade. Realizarase o 11 de febreiro, con catro centros educativos da provincia de Pontevedra. Este proxecto está organizado por docentes e investigadoras da Universidade de Vigo, xunto coa Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade.

Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO)

  • O ADN nas túas mans
  • CelulARTE
  • Nanopartículas plasmónicas: un arco da vella metálico
  • Lombarda, reaccións a toda cor
  • NeuroExploradoras
  • Neurocircuítos fantásticos e onde atopalos
  • Magnetismo a pequena escala
  • Que é a luz e como interacciona coa materia?
  • Deseño de nanopartículas con actividade fotocatalítica e farmacolóxica

Escola de Enxeñaría Industrial

  • Entrevista por parte das alumnas a enxeñeiras da EEI
  • Así imaxinabas unha enxeñeira?
  • Exposición pública da entrevista Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía
  • EnerXIKAS
  • Xincana «The She-Cience Games: Catching Fire»
  • Quebracabezas: mineral-metal-aplicación

Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

  • Detectives de imaxeS
  • Robótica con CuteBot

Facultade de Filoloxía e Tradución

  • Subtitulación audiovisual
  • Fraseoloxía galega
  • The sound of who we are
  • Ciencia aberta: plataformas e licenzas para a creación de contido científico
  • Música e letras

Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Edificio Miralles – Sala 1

1. Obradoiro Unidade de Igualdade

Esta actividade integra por primeira vez o alumnado masculino de secundaria na programación do 11F do campus de Vigo para facer fronte á segregación horizontal na escolla de estudos e cuestionar o valor social desigual das profesións feminizadas. A través desta proposta dinámica e participativa búscase identificar como os estereotipos e os roles de xénero condicionan a elección de estudos. Promóvese así a incorporación dos homes a titulacións con menor presenza e visibilízanse referentes masculinos en ámbitos feminizados, ampliando as súas opcións profesionais e reforzando o compromiso da UVigo coa igualdade de trato e de oportunidades e coa promoción das masculinidades coidadosas.

2. Actividade do CINTECX

Na mesma sala, tras o obradoiro da Unidade de Igualdade, o grupo de alumnos poderá coñecer a exposición «Mulleres investigadoras CINTECX» e charlar con algunha das súas protagonistas. Ademais, participarán nun beta test do xogo de escapada Alerta Verde, que se está desenvolvendo dende este centro de investigación coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidade.

Mulleres que transforman a ciencia, a industria e a empresa

O vindeiro 20 de febreiro, o salón de graos do edificio Xurídico- Empresarial do campus de Ourense, acollerá unha charla na que intervirán: Dora Casal (Roberto Verino, S.A.), Alicia María Gómez Pereira (Inplasor Galicia S.L.) e Lucía Novelle Varela (Ingeo Ingeniería Geotérmica), e que será moderada por Isabel Diéguez Castrillón da Universidade de Vigo.

Presentación da publicación «Soño de liberdade»

Na mañá do xoves 12 de febreiro, ás 12.30 horas, no salón de graos da Facultade de Bioloxía, terá lugar a presentación da novela de Marisa Castro: Soño de liberdade.

Entrega dos premios Marie Tharp do CIM

Co gallo de conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo entregará os premios da cuarta edición do concurso Marie Tharp. O citado concurso estaba dirixido ás investigadoras predoutorais e posdoutorais do centro que quixeron dar a coñecer o seu traballo nunha peza audiovisual dun minuto de duración. O acto terá lugar o 11 de febreiro ás 12.00 horas. Durante a xornada levarase a cabo unha mesa redonda sobre «Retos e oportunidades para as mulleres na ciencia mariña», na que participarán gañadoras de anteriores edicións e a directora da Unidade de Igualdade Yolanda Rodríguez, e estará moderada pola xornalista do Faro de Vigo Sandra Penelas. Ademais, proxectaranse os vídeos das investigadoras premiadas este ano.

Intelixencia artificial: unha cuestión de xénero? (ECOBAS)

O Centro de Investigación Interuniversitario en Economía e Empresa para a Sociedade (ECOBAS) conmemorará o 11F cunha mesa redonda para falar da necesaria aplicación da perspectiva de xénero na IA. Estará moderada pola investigadora Coral del Río e nela participarán como relatoras as investigadoras da UVigo Ángeles Sanromán, directora do CINTECX; Rebeca Díaz, investigadora de AtlanTTic e coordinadora do Information & Computing Lab; e María Loureiro, directora científica de ECOBAS. A xornada levarase a cabo na Facultade de Ciencias Económicas, ás 12.00 horas, e poderá seguirse na canle de YouTube de ECOBAS.

Proxección da película Justicia artificial

O Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero organiza unha xornada que terá lugar o día 11 de febreiro, de 16.00 a 21.00 horas, no salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, do campus de Vigo, así como na Facultade de Dereito do campus de Ourense. Esta primeira xornada forma parte do ciclo de cinema Cine e Xustiza, que terá lugar ao longo do ano 2026 e que dirixe Inés C. Iglesias Canle, directora do Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero (IXEX). Máis info: https://fccxxt.uvigo.es/gl/evento/proxeccion-da-pelicula-justiciaartificial/

Meta charla: muller e ciencia

Na mañá do xoves 12 de febreiro, o campus de Vigo acollerá unha mesa redonda con investigadoras para tratar, entre outros aspectos, os nesgos de xénero presentes nas tecnoloxías emerxentes —como a intelixencia artificial—, así como as dificultades e desigualdades que aínda afrontan as científicas na súa traxectoria profesional. Este evento comezará ás 11.00 horas na sala 1 do edificio Miralles, e será de acceso libre ata completar a capacidade. Baixo o título «Innovación en igualdade», o relatorio será moderado pola técnica da Unidade de Igualdade da UVigo Mar Fernández, e nela participarán as investigadoras da UVigo Soledad Torres, Katia Rolán e Laura Sampedro; e tamén con intervención en liña, a divulgadora especialista en temas de igualdade na ciencia Marta Macho. Tamén poderá seguirse en directo a través deste enlace.

Descubrindo os misterios das células e do ADN

A investigadora Nuria Estévez, do grupo Filoxenómica do CINBIO, ofrecerá a charla «O código secreto da vida: descubrindo os misterios das células e do ADN» no IES Chapela o luns 9 de febreiro, ás 11.20 horas, dirixida ao alumnado de 1.º da ESO, dentro da Semana da Ciencia en Galego.

Xira da exposición «Mulleres investigadoras CINTECX»

Esta exposición, que estará accesible de xeito en liña a través da web do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX), recolle as imaxes de doce científicas do centro e anima a nenas e nenos a facer ciencia sen estereotipos de xénero. Esta iniciativa non só busca resaltar o talento e a traxectoria das científicas que forman parte da exposición, senón tamén servir de inspiración para as novas xeracións, mostrando modelos femininos para seguir nas disciplinas STEM.

eXXperimenta en Feminino

Este proxecto está destinado ao alumnado non universitario da provincia de Ourense e ao público en xeral. Esta ix edición contará pola mañá coa asistencia de nove centros educativos da provincia de Ourense e arredores con praza reservada previamente, e pola tarde estará aberta ao público en xeral. Ás 16.30 horas gozaremos da participación da divulgadora científica Deborah García Bello coa charla «Barbies e Robots». A asistencia á charla será libre ata completar capacidade. Os obradoiros terán lugar o 20 de febreiro, de 9.00 a 18.00 horas no edificio Politécnico do campus de Ourense.

X Concurso escolar de creación artística

No campus de Ourense, volveuse levar a cabo o seu tradicional Concurso escolar de creación artística polo Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Aberto ao alumnado de educación primaria e educación secundaria obrigatoria da provincia de Ourense, este concurso contaba con dúas categorías e dúas modalidade de participación:

– Primeira categoría: educación primaria. Modalidades: visual e literaria

– Segunda categoría: educación secundaria obrigatoria. Modalidades: visual e literaria.

O prazo para presentar os traballos rematou o pasado 25 de xaneiro. A entrega de premios levarase a cabo nun acto especial e, a data, aínda por f ixar, será neste mes de febreiro.

Máis información aquí.

Quero ser investigadora 6

Como colofón das actividades 11F,  a Universidade de Vigo publica a sexta edición do catálogo Quero ser investigadora, unha publicación que recolle a historia de dez científicas da UVigo para inspirar as investigadoras do futuro.

Ilustrado pola artista Alba Casanova (1981), a través da técnica do collage debúxase a historia de dez novas referentes. Dez científicas, mulleres, dez nenas que contribúen, co seu exemplo, a construír un relato da ciencia máis xusto e representativo. O volume, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo.

Seguindo a liña da edición anterior, Quero ser investigadora incorpora un audiolibro no que as propias protagonistas dan voz ás súas historias, ampliando as posibilidades de acceso e conexión co público. Ademais, inclúe unha versión de lectura fácil, con linguaxe clara e frases sinxelas, que elimina barreiras cognitivas e facilita a comprensión.

O catálogo conta tamén cunha versión dixital e distribuirase en preto de 200 centros educativos de toda Galicia. Complétase cunha guía didáctica e con contidos interactivos e gamificados desenvolvidos na plataforma Genially, que facilitan o traballo co material nas aulas dun xeito dinámico e participativo.