Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia o pasado 11 de febreiro, a Universidade de Vigo puxo en marcha un amplo programa de actividades entre as que se inclúen as charlas e obradoiros científicos en centros educativos de toda Galicia. Organizadas desde a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) no marco do Plan de Ciencia de Ida e Volta, estas iniciativas —que contan co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades— teñen como obxectivo achegar a universidade ao alumnado de colexios e institutos, así como fomentar as vocacións científicas, especialmente entre as nenas.
Seguindo a estela de edicións previas, este ano desenvolvéronse 64 actividades en 55 centros educativos de toda Galicia, nas que participaron 112 científicas. O programa chegou a un total de 3.396 estudantes de Infantil, Primaria, Secundaria e Ciclos Formativos. Ademais das visitas a centros educativos, no marco destas actividades tamén se realizaron intervencións en aulas hospitalarias, escolas municipais, residencias de persoas maiores, bibliotecas ou feiras da ciencia, ampliando así o alcance da iniciativa e o perfil dos públicos participantes.
O impacto desta edición supera o dos anos anteriores, tanto polo número de actividades realizadas como pola diversidade de contextos e territorios aos que chegou o programa. A maior parte das actividades tiveron lugar na provincia de Pontevedra (49), mentres que as restantes se repartiron entre A Coruña (8), Ourense (6) e Lugo (1).
En total, as actividades chegaron a 25 localidades da xeografía galega. Entre elas inclúense zonas máis rurais e periféricas como Goián, Morente ou Xinzo de Limia; localidades periurbanas como Carballo, Oleiros, Nigrán ou Mos; e tamén contornas urbanas como Vigo, Santiago, Pontevedra, Ourense ou Lugo.
Nas súas valoracións, unha ampla maioría das investigadoras participantes destacou a boa acollida das actividades nos centros e o alto nivel de participación do alumnado. Moitas delas subliñan tamén a importancia de achegar este tipo de iniciativas a centros situados en zonas rurais e de proporcionar referentes próximos e reais para a rapazada.
Desde a UCC+i agradecen tanto aos centros participantes como ás científicas a súa xenerosa implicación nas charlas 11F e anímanos a continuar participando nesta iniciativa para que cada vez máis nenas poidan soñar cun futuro na ciencia.




























