DUVI | Como peche da celebración do Día Mundial do Teatro, a UVigo lanza unha función extra de Misterio no Pazo, unha peza de teatro divulgativo e inmersivo para render homenaxe a Agatha Christie en colaboración co Concello de Vigo. Nesta ocasión, a representación será o 9 de abril e estará dirixida ao conxunto da comunidade universitaria da Universidade de Vigo e aberta ao publico xeral.
Na presentación da iniciativa, á que asistiron representantes da Universidade e do Concello, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, destacou o éxito das primeiras representacións, dirixidas a centros educativos da cidade de Vigo. “O que queremos agora é abrila a máis públicos cunha función dirixida a familias”, sinalou, ao tempo que puxo en valor a adecuación do espazo ao universo literario da obra.
Neste sentido, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quixo enmarcar a actividade no centenario da doazón do pazo de Castrelos ao pobo de Vigo para o seu uso como museo. “Este espazo hai cen anos que pasou a ser propiedade democrática da cidade de Vigo” lembrou o rexidor, que ademais aproveitou para resaltar a “xenialidade” de escoller ese escenario para representar a adaptación dunha obra de Agatha Christie. “A idea é brillante”, reiterou.
