O vindeiro 29 de maio, o mercado de Sabarís (Baiona) acollerá a expo-feira científica “A ciencia que vén”. Este evento, organizado pola Unidade de Cultura Cienttífica e da Innovación, pretende achegar a ciencia e a investigación da Universidade de Vigo á cidadanía dun xeito lúdico e participativo.
Ao longo da xornada, poderanse visitar arredor de 20 obradoiros interactivos, onde grandes e pequenos poderán achegarse ao fascinante mundo da investigación científica. En horario de mañá, a feira recibirá a visita do alumnado de 5º e 6º de primaria dos centros educativos do concello.
Pola tarde, a cita está aberta a todas as familias, con entrada libre e gratuíta, para que poidades gozar dunha tarde diferente e chea de curiosidade científica.
Obra de teatro de marionetas para poñer en valor o papel das nenas e mulleres na ciencia, mediante un enfoque lúdico e educativo, utilizando a acuicultura galega como base. Tras a obra presentamos un obradoiro no que aprendemos a usar ferramentas como microscopios, lupas e outro material de laboratorio. Ademais, realizaremos tarefas de manualidades relacionadas coa acuicultura.
Fisoloxía de peixes | CIM
Obradoiro no cal as e os participantes poderán aprender como limpar auga contaminada a través da degradación de compostos, montaxe de filtros nunha depuradora e utilización de partículas magnéticas.
BIOSUV | CINTECX
Este posto permitiralles ás persoas participantes descubrir o mundo dos satélites, especialmente os CubeSat, interactuar con maquetas a escala real e aprender sobre o deseño e funcionamento destes dispositivos.
Tecnoloxía aeroespacial | atlanTTic
Percorrido polo mundo da criptoloxía, recollendo os métodos de codificación máis salientables, xunto coas súas debilidades e fortalezas, que se ilustrarán con distintos xogos e actividades de manipulación.
RGEAF
Nesta actividade o público poderá descubrir como a química e os materiais intelixentes están presentes en elementos tan cotiáns como a col lombarda. Co emprego de produtos habituais como o vinagre ou o bicarbonato, as persoas asistentes observarán en directo sorprendentes reaccións e comprenderán, dun xeito ameno e participativo, como a ciencia permite crear materiais sensibles e innovadores con múltiples aplicacións.
FEQxLab
Experiencia educativa inmersiva creada polo CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, para formar estudantes, docentes e familias a través da experimentación e a ludificación. Este proxecto conta co financiamento da FECYT – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
CINTECX
Obradoiro interactivo de identificación de minerais. A proposta combina a manipulación de exemplares reais da colección Manuel de Sas de la Encina cunha experiencia inmersiva no metaverso.
GESSMIN | CINTECX
Experiencia participativa onde os asistentes comprobarán como as decisións agrícolas inflúen no crecemento das plantas e na sostibilidade.
BEV1
A actividade combinará materiais visuais, infografías e dinámicas participativas para fomentar a reflexión sobre o papel do dereito na promoción da igualdade de xénero e dos dereitos das persoas.
Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero – IXEX
Neste posto as nenas e nenos poderán identificar e clasificar residuos atopados nas praias, ademais de identificar diferentes bivalvos e moluscos e simular o seu cultivo.
CLIMABILITY Formación docente en desenvolvemento de competencias clave en sustentabilidade para a Acción polo Clima e a Descarbonización (ODS 13) no marco do Cambio Ambiental Global
Actividade participativa pensada para achegarlle os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) á cidadanía dun xeito dinámico, sinxelo e creativo.
Post-Growth Innovation Lab
Prepárate para mergullarte no presente e no futuro da detección avanzada de riscos en estradas mediante técnicas automatizadas de última xeración. Desde técnicas remotas e intelixencia artificial ata metodoloxías BIM e a integración de ensaios non destrutivos.
Xeotecnoloxías aplicadas | CINTECX
Obradoiro interactivo con experimentos e exhibicións para achegarse ás distintas áreas da enxeñaría industrial —química, materiais, electrónica, automática, robótica, biomédica etc.— para ver como a ciencia e a tecnoloxía transforman o mundo que nos rodea.
Escola de Enxeñaría Industrial, Vortex UVigo, UVigo SpaceLab e CES UVigo
Exploremos xuntos a vida do microcosmos oceánico e toda a información que podemos obter cun microscopio!
XM1 | CIM
Usas habitualmente os bots de charla, pero coñeces como funcionan realmente estas ferramentas e que riscos supoñen? Neste posto aprenderás a empregalos correctamente e descubrirás os seus riscos e tódalas súas utilidades.
Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) | atlanTTic
Este posto converterá a química nun auténtico espectáculo cheo de cor, burbullas e experimentos sorprendentes. Un espazo pensado para experimentar, sorprenderse e achegarse á química dunha maneira divertida, visual e moi interactiva.
Química cuántica (QF3) e Hybrid Nanomaterials Group (HNG) do CINBIO
A próxima xeración de comunicacións utilizará luz e a física cuántica para transmitir información de forma máis rápida e segura. Neste espazo mostraremos cómo funcionan os sistemas fotónicos e os chips integrados que están transformando as telecomunicacións.
QOPHI Lab | atlanTTic
O maior equipo universitario de aeromodelismo e foguetería nado en Galicia. Transforman a teoría das aulas en aeronaves e foguetes listos para competir a nivel internacional, co obxectivo de impulsar os seus coñecementos en enxeñaría.
UVigo Aerotech
Preséntanse as investigacións gañadoras de Pontenciencia, feira expositiva de proxectos de investigación escolar aberta ao público, cuxo obxectivo principal é poñer ao alcance da cidadanía un conxunto de ferramentas e actividades que proxecten unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Proxecto organizado polo Concello de Pontevedra coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
O público asistente colaborará na elaboración dun mural a partir de refugallos mariños. A actividade será conducida pola artista Mar Fraga, de Enmalle Studio, especializada na reutilización de materiais mariños con fins creativos.
Esta actividade enmárcase no Plan de ciencia de ida e volta 2025-2026 da Universidade de Vigo, que conta co financiamento da FECYT – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. A actividade contou tamén coa participación de persoal investigador en fase predoutoral contratado ao abeiro do Programa de axudas á etapa predoutoral da Xunta de Galicia (Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional), cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
