Unha exposición percorre ecosistemas de cinco continentes para pór en valor a “beleza do natural”

Preto de 80 fotografías de animais, plantas e fungos, captadas en contextos ecolóxicos diversos, desde bosques tropicais ata ambientes mariños, integran a exposición A beleza do natural, que desde este venres pode visitarse no vestíbulo do Pazo Provincial. Inserida nas actividades impulsadas pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo, con motivo da conmemoración do Día Mundial da Diversidade Biolóxica, esta mostra reúne unha escolma de fotografías realizadas polo catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero ao longo da súa traxectoria como investigador. Dirixida e mostrar as especies no seu propio ambiente, resaltando as relacións ecolóxicas e a riqueza dos hábitats nos que viven, esta mostra poderá contemplarse na sede da Deputación ata o 11 de xuño.

Inserida no plan de quinto aniversario de Ciencia de ida e volta, esta exposición conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e da Xunta de Galicia, así como co apoio da Deputación de Pontevedra. Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Diversidade Biolóxica, a exposición celebra a súa inauguración na tarde deste venres, coa participación de Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación; Sandra Bastos, coordinadora de Igualdade e Benestar da Deputación, e Adolfo Cordero, investigador principal do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación).