O deserto de Namibia e unha bolboreta protexida protagonizan as fotografías gañadoras do concurso ‘A beleza do natural’

DUVI PONTEVEDRA |  Insectos, réptiles, mamíferos, fungos, aves, flores, hortalizas, plantas ou árbores protagonizan as 34 fotografías presentadas á primeira edición do concurso A beleza do natural, un certame promovido pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo (UCC+i), dentro do plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)- Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Gonzalo Rotea, cunha imaxe tomada nun deserto de Namibia, e Paula Goce, coa súa fotografía dunha bolboreta Euphydryas aurinia, unha especie protexida pola Directiva Hábitats, son os gañadores dun concurso inserido nos actos conmemorativos do Día Mundial da Diversidade Biolóxica.