Hai cinco anos, a Universidade de Vigo puxo en marcha o Plan de ciencia de ida e volta, un proxecto de comunicación social da ciencia que nacía cun propósito circular: achegar o coñecemento á cidadanía e fortalecer o diálogo e a retroalimentación entre a universidade e a sociedade. Un lustro máis tarde, a iniciativa impulsada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) co financiamento da FECYT – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, segue vixente e redobra o esforzo inicial co obxectivo de consolidar un modelo de comunicación científica cada vez máis amplo, estable, diverso e participativo.
Ao longo do período de execución do plan 2025-2026, a UCC+i desenvolveu un total de 9 actividades dirixidas a públicos de todas as idades, desde alumnado de educación infantil, primaria e secundaria ata profesorado, persoal investigador e cidadanía xeral. En total, preto de 9.000 persoas participaron de maneira presencial nas diferentes propostas organizadas nos tres campus, ás que cabería sumar o impacto doutros contidos virtuais e audiovisuais elaborados pola unidade, entre os que se inclúen as “Minuteses” (vídeos dun minuto nos que as e os recentes doutores presentan as principais achegas das súas teses de doutoramento) ou a difusión da investigación da UVigo a través de medios especializados como The Conversation.
O plan reuniu unha combinación de actividades máis estables e consolidadas, como a formación para persoal investigador en comunicación e divulgación científica, as actividades ligadas ao Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia ou o programa “Embaixadores/as da Ciencia e do Coñecemento”, con outras máis novidosas, entre elas as xornadas de teatro inmersivo “Misterio no pazo”, exposicións temáticas como “A beleza do natural” ou enquisas de percepción social como a realizada dentro da programación “Resto Cero”.
Espertar vocacións científicas na infancia
O fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas continúa a ser un dos principais eixos estratéxicos do Plan de ciencia de ida e volta, un aspecto que se mantén estable dende a súa xénese.
Durante o último ano desenvolvéronse numerosas actividades en centros educativos e nos campus da Universidade de Vigo para achegar a ciencia ao alumnado e dar a coñecer referentes femininos no ámbito investigador. Entre elas destacan as iniciativas organizadas con motivo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, así como unha nova edición do catálogo Quero ser investigadora. A publicación, que se distribúe en centros educativos de toda Galicia, permite que milleiros de estudantes coñezan de primeira man o traballo desenvolvido polas investigadoras da UVigo e busca fomentar as vocacións STEM entre o alumnado, especialmente entre as nenas.
Tamén a expo-feira científica “A ciencia que vén” convocou centos de escolares de educación infantil e primaria de centros de Baiona, Gondomar e Nigrán arredor de experimentos, xogos e obradoiros pensados para achegar a ciencia á sociedade desde unha perspectiva participativa e inclusiva.
O programa “Resto Cero”, as actividades polo Día Mundial da Pesca, o concurso de fotografía “A Beleza do Natural” ou as xornadas de teatro inmersivo “Misterio no pazo” con motivo do 50 aniversario da morte de Agatha Christie no Museo Quiñones de León (Vigo), foron outras das actividades que puxeron o foco no público máis novo.
A divulgación, tamén en versión dixital
Xunto ás actividades presenciais, a UCC+i continuou reforzando a súa oferta de contidos dixitais para achegar a ciencia a novos públicos. Iniciativas como o programa “Minutese”, vídeo-pódcasts divulgativos como os realizados no marco da iniciativa “Resto Cero” ou os shorts da publicación Quero ser investigadora son exemplo de recursos que trasladan a investigación que se realiza no seo da universidade nun formato audiovisual.
A este labor súmase a colaboración coa plataforma The Conversation, onde o persoal investigador da UVigo publicou ao longo do ano artigos sobre cuestións de actualidade científica que, durante o ano 2025, acadaron 164.683 lecturas, ampliando o alcance social da investigación realizada na institución.
A versión dixital do glosario Escolma de Termos Científicos II ou do catálogo Quero ser investigadora 6, xunto cos audiolibros e contidos didácticos e gamificados da publicación son outros dos exemplos dos recursos divulgativos accesibles a través da rede.
Novo plan 2026-2027
Desde a UCC+i xa traballan na sexta edición do Plan de ciencia de ida e volta, que dará continuidade ás actividades consolidadas, recuperarando iniciativas que obtiveron unha excelente acollida en edicións anteriores e afondando en temáticas estratéxicas como a saúde, o medio ambiente ou a sustentabilidade. A todo isto sumaranse novos formatos e propostas innovadoras, coa vontade de seguir sorprendendo a cidadanía e reforzar o compromiso da Universidade de Vigo cunha cultura científica aberta e participativa.
