Comunica a túa ciencia é unha formación online que consta de cinco módulos de dúas horas, deseñados para traballar e mellorar competencias clave na comunicación social da ciencia. Cada módulo da formación estará centrado nun ámbito específico e contará cun formador especializado, polo que poden cursarse de maneira independente, segundo os intereses e as necesidades de cada participante. Accesible en modalidade síncrona e asíncrona, o curso está dirixido á comunidade universitaria (PDI, PI, PTXAS e alumnado), e aberto á participación de público externo. As 90 prazas dispoñibles por módulo adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición.
Programación 2026
MÓDULO 1
Masterclass “Comunicar para conectar: mensaxe, corpo e voz”, a cargo de Lara Capeáns (Lumareda)
Mércores, 28 de outubro
16.00 – 18.00 h.
Neste módulo abordaranse as claves para comunicar de xeito eficaz e atractivo, desde a construción da mensaxe e a súa estrutura ata o uso da narrativa aplicada á divulgación científica, adaptando os contidos ao tempo dispoñible e ás características do público. Traballarase tamén o corpo como ferramenta de comunicación, facendo fincapé na expresión corporal, a presenza física, a confianza e a preparación, así como no uso da voz. Será unha sesión eminentemente práctica, na que se combinarán explicacións con exercicios individuais e dinámicas participativas. O obxectivo é que cada persoa adquira ferramentas e recursos que poida poñer en práctica no seu día a día.
- MENSAXE
Estructuras das mensaxes
Narrativa aplicada á divulgación científica
Adaptación dos contidos ao tempo
Adaptación dos contidos ao público - CORPO
Expresión corporal
Presenza física, confianza e preparación - VOZ
Expresión oral
Técnica vocal aplicada á oratoria
Presenza vocal e preparación
Lara Capeáns (LUMAREDA) é licenciada en Comunicación Audiovisual e traballou máis de dez anos como realizadora e editora de videoclips e documentais (polos que recibiu varios premios internacionais). En paralelo, comezou a impartir clases regulares e obradoiros de técnicas audiovisuais e escénicas en centros educativos, culturais e sociais. En xaneiro de 2023 creou LUMAREDA como a unión de todas as súas múltiples facetas profesionais: audiovisual, teatro, comunicación e ensinanza.
MÓDULO 2
Masterclass “Comunicar nas aulas”, a cargo de Lara Capeáns (Lumareda)
A data e hora anunciaranse proximamente.
Neste segundo módulo abordaranse as claves para deseñar e desenvolver actividades educativas de divulgación científica que capten a atención da rapazada e fomenten a súa participación activa. Traballarase a adaptación da comunicación ao público infantil e xuvenil, o uso da narrativa aplicada ás actividades educativas e a estrutura dunha sesión na aula. Afondarase tamén en estratexias para pasar da exposición á participación, incorporando dinámicas e icebreakers que axuden a activar e implicar o alumnado. Por último, abordaranse ferramentas para deseñar actividades propias e ampliar a experiencia educativa máis alá da aula. Será unha sesión eminentemente práctica, na que se combinarán explicacións con exercicios e dinámicas participativas.
- ATENCIÓN
Captar e atraer a atención dende o inicio
Adaptar a comunicación á rapazada
Narrativa aplicada ás actividades educativas
Estructura dunha sesión nas aulas - IMPLICACIÓN
Da exposición á participación
Dinámicas e breakers para activar á rapazada - APLICACIÓN
Deseño de actividades propias
A experiencia non remata na aula
Lara Capeáns (LUMAREDA) é licenciada en Comunicación Audiovisual e traballou máis de dez anos como realizadora e editora de videoclips e documentais (polos que recibiu varios premios internacionais). En paralelo, comezou a impartir clases regulares e obradoiros de técnicas audiovisuais e escénicas en centros educativos, culturais e sociais. En xaneiro de 2023 creou LUMAREDA como a unión de todas as súas múltiples facetas profesionais: audiovisual, teatro, comunicación e ensinanza.
