DUVI | Entre os meses de outubro de 2026 e xuño de 2027 desenvolverase a sexta edición do Plan de ciencia de ida e volta, unha nova tempada de actividades de divulgación científica na Universidade de Vigo, impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) co financiamento da FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Ao longo de nove meses sucederase un amplo programa de actividades de lecer científico, co que a UVigo volverá sacar a ciencia dos laboratorios ás rúas de Vigo, Ourense e Pontevedra.
O programa, que conta cun orzamento de máis 100.000 euros, dos que 30.000 proceden da FECYT, inclúe nesta edición dúas novidades: unha dinámica de “citas rápidas”, un speed dating científico, no que persoas investigadoras de diferentes ámbitos compartirán os seus proxectos co público xeral, que deberá escoller o proxecto co que máis conectasen, match científico, e á persoa investigadora que mellor conseguise captar o seu interese, match divulgativo, tendo en conta aspectos como a claridade da mensaxe e a capacidade para atraer a atención do público.
