A beleza do natural espállase polo edificio Redeiras

DUVI | Fotografías de animais, plantas e fungos capturadas en contextos ecolóxicos diversos, desde bosques tropicais ata ambientes mariños. A mostra A beleza do natural chega a Vigo tras o seu paso, a finais do curso pasado, polo Pazo Provincial de Pontevedra. 80 instantáneas que teñen a beleza como fío condutor e que poden contemplarse dende esta semana no terceiro andar do edificio Redeiras. Nela, as e os espectadores poderán atopar unha escolma de fotografías do catedrático Adolfo Cordero que poñen en valor a diversidade biolóxica e a necesidade da súa conservación a través dunha mirada que combina ciencia e sensibilidade estética. Promovida pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo poderá visitarse ata o vindeiro 22 de decembro.