Referentes femininos para espertar vocacións científicas

Exxperimenta en feminino

DUVI | Despois da celebración este martes no campus de Vigo de Elas fan CienTec, este mércores continuou na Universidade de Vigo a conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia conExxperimenta en feminino, a III Xornada de divulgación en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas. Nela, 120 estudantes e persoal docente e investigador do campus, maioritariamente mulleres, desenvolveron 14 obradoiros prácticos para 300 escolares da provincia de Ourense co obxectivo de espertar nelas e neles a vocación científica a través de referentes femininos.

Presente e futuro

Exxperimenta en feminino, que conta con financiamento da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt) do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, está coordinado polas profesoras Alma Gómez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Julia Carballo, da Facultade de Ciencias, e Nieves Lorenzo, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Amosando a súa satisfacción pola acollida que tivo esta nova edición da feira, Alma Gómez, explicou como “viñeron todos os centros previstos e conseguimos ter a punto todos os postos, que están atendidos maioritariamente por mulleres para que os rapaces e rapazas vexan que as mulleres facemos ciencia, tecnoloxía e enxeñaría”. A iniciativa, lembraron as súas coordinadoras, ten un duplo obxectivo pois ao mesmo tempo que abrangue o fomento da vocación e a cultura científica pretende facelo desde unha perspectiva de xénero.