Matemáticas para predicir a evolución de pandemias e facilitar a toma de decisións

Charla en directo con Humberto Michinel

Onte tivemos a oportunidade de afondar da man do catedrático da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, Humberto Michinel, nun tema de grande actualidade: como se pode predicir a evolución do Covid-19. O investigador explicou como as matemáticas axudan a prever o avance de pandemias. Concretamente, Humberto Michinel presentou unha introdución sinxela ao modelo SIR (i.e.: poboación Susceptible, Infectada, Retirada) que é unha técnica matemática amplamente empregada para calcular este tipo de cuestións. Unha variante desa técnica utilízase, por exemplo, para realizar as predicións sobre a evolución do coronavirus que se publican na seguinte web da Universidade de Vigo: physics.uvigo.es/covid19.

Segundo o catedrático, a explicación do modelo permite entender unha serie de conceptos básicos habituais nas noticias relacionadas coa Covid-19 como as curvas de evolución, o pico de infectados, a taxa de reprodución, ou a inmunidade de rabaño, entre outros.

Humberto Michinel fixo un percorrido histórico explicando como se crearon este tipo de modelos matemáticos e foi analizando a fórmula que se emprega, aclarando cada unha das variables que interveñen na mesma. Desta forma, puido xustificar como este tipo de modelos matemáticos axudan a predicir a evolución de pandemias como a do coronavirus e, grazas á súa fiabilidade, a facilitar a toma de decisións dos gobernos correspondentes.

Ademais, a través da análise das predicións do modelo intentou concienciar á poboación da importancia de quedar na casa para frear a propagación do virus, xa que mostrou unha comparación da evolución da curva con e sen medidas de confinamento con Galicia a modo de exemplo. Tamén se describiu unha simulación realista de como se evitaría o colapso hospitalario nunha zona hipotética con 400 camas de coidados intensivos.

Rematada a charla, houbo unha quenda de preguntas nas que se abordaron cuestións como a fiabilidade no tempo do modelo, as novas técnicas de desinfección como a luz LED, a capacidade de infección doutras enfermidades ou as posibles predicións que pode facer o sistema nesta nova etapa de desescalada.

Desde a UCC+i queremos agradecer a implicación de Humberto Michinel nesta iniciativa e a participación das persoas que seguiron a súa charla e formaron parte da mesma coas súas preguntas e comentarios. A continuación, animámosvos a pinchar na seguinte ligazón para afondar neste tema.