DUVI | O debate xerado en Europa sobre a existencia de dous modelos de protocolos, o centralizado e o descentralizado, para implementar aplicacións de rastrexo dixital de contactos, como unha ferramenta para frear a expansión da COVID-19 e tamén utilizable no proceso de desescalada, levou a un grupo de investigadores da Universidade de Vigo, encabezados polo catedrático Fernando Pérez González, a iniciar un estudo, que transcorridas dúas semanas “de traballo bastante intenso”, arroxan conclusións claras. “Canto máis estudabamos un e outro, máis nos percatabamos de que, unha vez, eliminada a hipótese dun estado que actuase como ‘Gran Irmán’, modelo de ameaza do que parte o protocolo descentralizado, ambos adolecían de graves problemas que ían moito máis alá do debate orixinal, ata o punto de chegar á conclusión de que, na súa concepción actual, a súa utilidade é moi limitada”, explica Fernando Pérez, investigador do centro Atlanttic da Universidade de Vigo.