DUVI | A poetisa Helena Kolody naceu en 1912 en Brasil, filla de pais inmigrantes ucranianos; Idea Vilariño, tamén poeta, foi nada en Montevideo en 1920, filla de inmigrantes galegos no Uruguai. A pesar de que as une o mesmo eido creativo e a mesma época, os diferentes países nos que viviron e as orixes familiares tan distantes xeraron tamén diferentes proxeccións no ámbito literario. Precisamente en comparar ambas autoras e as súas obras céntrase a tese de doutoramento de Cristian Javier López, dirixida polas profesoras Carmen Luna, da Universidade de Vigo e Terezinha da Conceição Costa-Hübes, da Universidade Estadual do Oeste do Paraná/Unioeste-Brasil.
Baixo o título Idea Vilariño (Uruguay) y Helena Kolody (Brasil): cantos a la vida – encuentros poéticos en América Latina, o propósito fundamental da investigación, explica o seu autor, “foi analizar o proceso de confluencia entre a poesía e a música na contemporaneidade”, un propósito que se concretou na análise comparativa das obras destas dúas poetas sudamericanas. O traballo de investigación comprendeu unha revisión bibliográfica “para entender a complexidade da produción de cada unha das poetas”, cuxa interpretación necesitou, como remarca o autor, “a revisión crítica de varios conceptos tanto da área de literatura, teoría literaria, cultura hispánica e brasileira, literatura comparada, así como nocións importantes da área da música”. Con todo isto, Cristian Javier López tratou de establecer “as principais aproximacións e distanciamentos entre estas producións latinoamericanas de autoría feminina”.