DUVI | Afondar na importancia que a diversidade do comportamento ten na adaptación, evolución e supervivencia das especies e, polo tanto, na preservación da biodiversidade. Este foi o obxectivo da tese de doutoramento de Anais Rivas, na que reúne unha serie de estudos realizados con diferentes especies de libélulas, nos que describe variacións de comportamentos non estudadas previamente. Concretamente, a investigación aborda os efectos da deforestación nos comportamentos dunha libélula do Ecuador; a existencia en México dunha especie na que machos coa mesma aparencia presentan dúas estratexias de comportamento; as posibles funcións, ata agora descoñecidas, dun apéndice que posúen as femias de diferentes especies; e as variacións dun tipo de comportamento, a translocación de esperma, único deste xénero de insectos.