DUVI | “Tras máis de tres anos de traballo fomos quen de demostrar a eficacia da vermicompostaxe na biotransformación dos bagazos de uva albariño e mencía e do bagazo destilado nun potente bioestimulante, así como os beneficios da aplicación deste vermicompost na saúde do viñedo e a vide e na calidade do viño”. Así de rotundo se amosa o catedrático de Zooloxía da Universidade de Vigo Jorge Domínguez, director do Grupo de Ecoloxía Animal, tras a presentación de resultados do proxecto de I+D+i Vitalver, un traballo levado a cabo de maneira conxunta entre as universidades de Vigo e Santiago de Compostela e as bodegas Adegas Moure (DO Ribeira Sacra) e Terras Gauda (DO Rias Baixas).
O principal obxectivo deste traballo foi investigar as posibilidades que ofrecen as miñocas de terra e a vermicompostaxe para a economía circular e a viticultura sostible mediante o desenvolvemento dun ciclo integrado que permitiu converter in situ o bagazo, tanto fresco como destilado, xerado na industria vitivinícola en vermicompost de alta calidade con propiedades bioestimulantes e de defensa da vide. Para isto, contouse cun orzamento global de 917.448 euros, cofinanciado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) con fondos FEDER da Unión Europea, a través do Programa Operativo Plurirrexional de Crecemento Intelixente 2014-2020.