Un traballo académico que combate falsos mitos sobre sexo supera as 60.000 reproducións en redes sociais

Dixitais. Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática

DUVI | Elaborar unha serie de vídeos que achegasen recomendacións para facer fronte á desinformación e ás fake news era o obxectivo central do proxecto de aprendizaxe-servizo Dixitais. Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática, que, baixo a coordinación do profesor Alberto Dafonte, máis de 60 estudantes do grao en Publicidade e Relacións Públicas desenvolveron ao longo do segundo cuadrimestre. Entre os obxectivos do proxecto, que contou coa colaboración do banco de tempo A Redeira e que continuou desenvolvéndose a pesares da suspensión da actividade docente presencial, non figuraba a difusión das diferentes pezas nas plataformas dixitais. Mais, tendo en conta que o propósito do proxecto era elaborar pezas que axudasen a facer fronte ás informacións falsas que se difunden a través de internet, boa parte dos once grupos participantes optaron por difundir as súas creacións, dando lugar a casos como un dos vídeos elaborados para TikTok polo grupo que centrou o seu traballo nos falsos mitos arredor do sexo, súmase, en poucos días, máis de 60.000 visualizacións e máis de 10.000 ‘gústame’ nesta rede social.