Investigadoras da UVigo analizan os parámetros biolóxicos e achegan ferramentas de xestión da navalla e cogombro de mar

Ana Tubío e Tania Ballesteros

DUVI | Dos 51 millóns de persoas que se dedican á pesca no mundo, estímase que 50 delas traballan na pesca artesanal, un sector que achega, segundo a FAO, case a metade da produción pesqueira mundial. Non obstante, a maioría de estudos científicos centráronse na análise da pesca industrial, deixando á marxe a artesanal. Isto implica que a maioría das pesqueiras de pequena escala non teñen a información detallada necesaria para aplicar os métodos de avaliación de stock máis comunmente usados nas ciencias pesqueiras, dando lugar moitas veces a unha xestión ineficaz ou inexistente. Precisamente para tratar de achegar ferramentas adaptadas para o uso en pesqueiras artesanais o Centro de Investigación Mariñas da Universidade de Vigo leva tres anos participando en dous proxectos de investigación liderados polo CIMA-Consellería do Mar que estudan dous recursos pesqueiros da ría de Vigo: a navalla e o cogombro de mar. Na recta final destes estudos, os equipos de investigación presentaron este venres os resultados nun evento dirixido aos axentes implicados na xestión pesqueira da navalla e a holoturia en Galicia, dende colleiteiros, asistencias técnicas das confrarías e biólogos de zona da Consellería do Mar ao persoal investigador interesado na materia. O evento, no que participaron unha trintena de persoas, celebrouse por streaming a través do Campus Remoto.