DUVI | Ao alumnado universitario presupónselle certo nivel de coñecemento e aceptación da teoría evolutiva. Pero un estudo nacional, coordinado polo profesor da UVigo Emilio Rolán, acaba de constatar que non sempre é así. Tras avaliar estudantes de terceiro curso dos graos de Bioloxía, Química, Historia e Filoloxía Inglesa de dez universidades españolas, os expertos sosteñen que, mentres o nivel de aceptación é alto, “o nivel de coñecemento é moi baixo”. Isto, para o catedrático do Departamento de Bioquímica, xenética e inmunoloxía da UVigo e investigador do Centro de Investigación Mariña “supón a constatación dun fallo en todo o sistema educativo español, dende a ensinanza primaria ata a universitaria e suxire que non se resolve solo con ter máis ou menos horas nunha materia concreta, senón que todas as materias deberían nuclear parte do seu contido cun enfoque evolutivo”.
Un estudo constata que o nivel de coñecemento da teoría evolutiva entre o alumnado universitario é moi baixo
