Un equipo internacional afonda no estudo das relacións que se establecen entre o poético e o político e o seu impacto na sociedade

Burghard Baltrusch

DUVI | Xerar coñecemento sobre as relacións entre o poético e o político e o seu impacto nas sociedades occidentais actuais. Este foi o obxectivo co que en 2010 se creou un grupo de especialistas internacionais e, dez anos despois, os propósitos, en esencia, seguen a ser os mesmos. Lidera este equipo o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Burghard Baltrusch, director da I Cátedra Internacional José Saramago e, se inicialmente non chegaban a unha ducia de investigadores e investigadoras, pouco a pouco esta particular familia foise ampliando e hoxe son xa unha vintena de profesionais de procedencias tan dispares como Galicia, Oxford, Ciudad de México, Porto, Santa Bárbara ou Lancaster… O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades –agora dividido en dous- concedeulles este ano unha nova subvención –neste caso de preto de 60.000 euros- para pór en marcha o proxecto Poesía actual e política: conflito social e dialoxismos poéticos (Poepolit II), continuación directa de tres traballos de investigación previos, tamén financiados polo Plan Nacional de I+D.