A EE Forestal, protagonista no arranque da sétima edición de Pontenciencia

Pontenciencia 2020

DUVI | Cada ano, a Escola de Enxeñaría Forestal acollía o evento final do programa Pontenciencia, unha feira na que o alumnado dos diferentes centros educativos do municipio presentaba os proxectos e experimentos científicos que desenvolvera nos meses previos. A situación santiaria impediu que neste 2020 se levase a cabo unha nova edición da Feira da Miniciencia, mais non que o centro do campus pontevedrés fose un dos protagonistas da sétima edición deste proxecto promovido pola Concellería de Educación en colaboración coa Universidade de Vigo e co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación, reconvertido por mor da pandemia nunha semana de actividades. Entre elas, os talleres Liques como indicadores da biodiversidade dos bosques e Novas tecnoloxías aplicadas aos incendios forestais, que achegaron á escola preto de 40 estudantes do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán.