A pandemia agravou a fenda de xénero que xa existía entre as investigadoras e os investigadores

Águeda Gómez

DUVI | A situación das mulleres nas universidades españolas amosaba xa unha clara diagnose de desigualdade de xénero e a pandemia non fixo máis que agravar esta situación. Así o amosa o resultado do estudo Xénero e investigación científica na Universidade de Vigo en tempos de covid-19, unha investigación posta en marcha pola Unidade de Igualdade co obxectivo de analizar o impacto que está a ter a actual situación sanitaria nas carreiras profesionais nas mulleres e homes docentes e investigadores da Universidade de Vigo. “A covid está facendo emerxer novas fendas de xénero que se suman ás que xa existían que, parece veñen para quedarse: como institucións igualitarias, debemos evitalo”, salienta a directora da Unidade de Igualdade Águeda Gómez, principal responsable deste estudo.