Unha campaña institucional convida a unificar a sinatura científica para mellorar a visibilidade e o impacto da investigación

Sinatura científica

DUVI | O uso de formas diferentes no nome persoal ou no nome da institución na sinatura das publicacións ten consecuencias non desexadas no proceso de comunicación científica: erros na atribución de autorías, inadecuada recuperación da información, perda de visibilidade do traballo de investigación dos autores e autoras e da súa institución e dificultade para analizar as publicacións científicas empregando indicadores bibliométricos. De feito, a Área de Servizos Bibliométricos da Biblioteca Universitaria ten detectado que o nome da Universidade de Vigo e dos seus centros de investigación aparece nas bases de datos bibliográficas de moitas formas diferentes. Ana Martínez, responsable desta área apunta que, por exemplo, “en WOS e Scopus temos localizadas máis de 200 formas diferentes para referirse á Universidade de Vigo; isto débese a que no momento de publicar, os autores e autoras empregan formas diferentes para indicar a súa filiación institucional”. Doutra banda, os nomes persoais tamén aparecen nas bases de datos de formas diferentes, dependendo de se os autores e autoras empregan sempre a mesma sinatura cun apelido ou dous, co nome composto ou sinxelo, etc. e isto afecta á correcta indexación das publicacións científicas nas bases de datos, no cálculo de indicadores como o número total de citas, o índice h ou o impacto normalizado.