DUVI | “O sector téxtil ten unha tarefa pendente e moi urxente coa lingua galega”. Esta é a conclusión que a egresada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Anabel Antela extrae do estudo que levou a cabo para o seu traballo de fin de grao en Publicidade e Relacións Públicas, recollido agora nun libro editado pola Mesa pola Normalización Lingüística coa colaboración da Deputación de Pontevedra. Co profesor Xosé Baamonde como titor, este traballo comprendeu por unha banda a análise dos portais web “das 16 marcas e grupos empresariais máis importantes de Galicia” e permitiu pór de relevo, como sinalou a súa autora, a “alarmante baixa presenza” que o idioma ten neste sector. O traballo completouse cunha enquisa realizada a máis de 300 mozos e mozas, dos que o 95% sinalaron como “necesario” o fomento da lingua neste ámbito empresarial, mentres que un 60% recoñecía que “o feito de que un produto sexa anunciado en galego indúceos á súa compra”.