Unha tese achega propostas de mellora para a formación práctica do futuro profesorado de secundaria

Rebeca Santiago

DUVI | Na formación do futuro profesorado, as prácticas externas que desenvolven en centros educativos achegan unha “aprendizaxe experiencial, na que os coñecementos e habilidades son máis fáciles de interiorizar, logrando así unha aprendizaxe realmente significativa”, salienta a investigadora Rebeca Santiago, que centrou a súa tese de doutoramento na análise das competencias desenvolvidas neste período formativo polo alumnado do Máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas da Universidade de Vigo. A través dos cuestionarios que, ao longo de cinco cursos, responderon 235 alumnos e alumnas do mestrado e 594 titores e titoras, a investigación permitiu detectar diferencias na “percepción global” que ambos grupos teñen acerca das competencias desenvolvidas neste período, que recibe valoracións “sempre moi elevadas” por parte de titores e titoras e “máis heteroxéneas” por parte do alumnado. A análise de resultados levou así mesmo á investigadora a formular na súa tese unha serie de propostas de mellora para este período formativo, que o alumnado afronta cunha “actitude entusiasta”, como aumentar a súa duración.