DUVI | Os procesos de pintado ou vernizado que se aplican aos produtos xerados pola industria da madeira obrigan ao uso de disolventes, como o hexano ou a acetona, cuxo principal problema é que emiten á atmosfera unha elevada cantidade de compostos orgánicos volátiles (COV). Atopar alternativas de orixe natural coas que xerar disolventes non contaminantes que sexan aplicables aos múltiples procesos de transformación que se levan a cabo nesta industria é o obxectivo dunha liña de traballo impulsada pola profesora da Escola de Enxeñaría Forestal Ángeles Cancela. “Estamos traballando na obtención de disolventes que poidan ser empregados neste tipo de industrias e que emitan baixa cantidade de COVS”, salienta. As primeiras probas foron realizadas “mesturando alquilato de aceites naturais obtidos no laboratorio con outras substancias de orixe natural, como pode ser o limoneno ou o ácido láctico” e os produtos resultantes resultaron, sinala a subdirectora da EE Forestal, “máis efectivos que os disolventes tradicionais” na súa aplicación sobre pinturas.