Un estudo saca á luz a biodiversidade oculta nas covas viguesas do Folón

Adolfo Cordero e Adrián Moreira

DUVI |Na parroquia viguesa de Coruxo atópase o conxunto de cavidades do Folón, unha das covas graníticas coñecidas máis grandes do mundo, con máis de 900 metros de galerías que constitúen un ecosistema único que alberga unha ampla diversidade de especies. Así o comprobaron o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero e o egresado deste centro do campus pontevedrés Adrián Moreira nas 18 visitas que realizaron ao interior das cavernas, que lles permitiron identificar 115 especies distintas de artrópodos, varias delas non detectadas previamente en Galicia. Os resultados desta investigación, iniciada hai catro anos como o traballo de fin de grao de Moreira, reúnense agora nun dos capítulos do libro 40 años sin Félix que a Sociedade Entomolóxica Aragonesa dedica ao naturalista e divulgador Félix Rodríguez de la Fuente, no que presentan a primeira listaxe da fauna presente no Folón.