En tempos de gradas baleiras, un libro analiza os efectos no fútbol de xogar como local

Carlos Lago

DUVI | A crise sanitaria xerada pola covid-19 tivo como efecto unha imaxe practicamente inédita no fútbol de alto nivel, que os partidos se disputen coas gradas dos estadios baleiras. Afondar na incidencia que neste deporte ten xogar como local, o efecto do chamado “xogador número 12”, é o obxectivo do libro que o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago elaborou xunto co investigador da Universidad Politécnica de Madrid Miguel Gómez Ruano. “A idea era comprobar o efecto de xogar sen público nos resultados dos equipos, porque unha das ideas máis estendidas no ámbito do deporte é que xogar no teu campo, arroupado polos afeccionados, aumenta as túas probabilidades de gañar”, salienta Lago. Con ese propósito, a publicación El jugador número 12. La ventaja de jugar en casa en el fútbol aborda diferentes aspectos relacionados con efectos de competir como local, desde a evolución histórica da “vantaxe de xogar en casa”, que como apunta Lago, reduciuse un 10% nos últimos 25 anos, á incidencia do VAR ou se existen ou non os chamados “goles psicolóxicos”.