Investigadores da UVigo deseñan un sistema para coñecer a altura ideal de mesas e cadeiras nos centros educativos

Nena

DUVI | Reducir os episodios de dor de costas na infancia e na adolescencia require ter en conta a importancia dunha adecuada hixiene postural, para a que é precisa que nenas e nenos estean sentados en cadeiras e mesas adecuadas ao seu tamaño. Co propósito de facer posible que as e os docentes poidan coñecer a altura que debería ter o mobiliario escolar sen necesidade de realizar medicións antropométricas, investigadores do grupo iObserving, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, desenvolveron unha “sinxela ferramenta”, que a través dunha táboa de cores, permite, sinalan, “calcular a altura ideal da cadeira e da mesa”. Trátase, como explica Iván Prieto, responsable desta iniciativa xunto con profesor Alfonso Gutiérrez, dun “sistema moi simple”, consistente en dúas cartolinas con franxas de cores, cuxa efectividade foi posta a proba, antes da pandemia, nun estudo piloto realizado con preto de 300 estudantes de primaria e de secundaria, de entre 6 e 16 anos, detectando unha “correlación moi alta” cos resultados que se obterían realizando as medicións cun antropómetro.