DUVI | Os riscos derivados do cambio climático en España son múltiples, afectando de forma simultánea a un amplo abano de sectores socioeconómicos e sistemas naturais. Coñecer os principais impactos resulta esencial para realizar unha planificación eficaz a todos os niveis e desenvolver políticas e medidas de adaptación. Este é o obxectivo do proxecto Life Shara, promovido e coordinado pola Oficina Española de Cambio Climático, coa colaboración do Basque Centre for Climate Change (BC3). As súas conclusións presentáronse este mércores nun almorzo informativo cos medios de comunicación no que o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e a directora científica do BC3, María José Sanz, deron a coñecer o informe Impactos y riesgos derivados del cambio climático. Este documento é o resultado das achegas dun total de 17 autores que analizaron os efectos que ten o cambio climático en dez sectores, dende a agricultura ao turismo ou da enerxía á saúde. Neste proxecto, a investigadora da Universidade de Vigo Elena Ojea xunto con parte do seu equipo do Future Oceans Lab (CIM-UVigo) liderou o capítulo 5 relacionado co medio mariño, no que se revisan as últimas evidencias científicas sobre as consecuencias do cambio climático nas rexións mariñas españolas e as súas implicacións para a sostibilidade da pesca e a acuicultura. En concreto, centráronse no Atlántico peninsular, no Mediterráneo, incluíndo as demarcacións do Estreito-Alborán e Levantino-Balear e en Canarias.
Un informe estatal alerta de que o cambio climático provoca que as especies cambien a súa distribución e abundancia nas augas españolas
