Unha matriz de risco coa que estimar as posibilidades de afogar en diferentes escenarios

Clase de socorrismo

DUVI |O risco de afogar nunha piscina dunha persoa que non saiba nadar é menor que o dun bo nadador ou nadadora no mar en presenza de ondas e correntes. Esta é unha das conclusións que se extraen do estudo realizado, coa participación do grupo de investigación Remoss, por investigadores e investigadoras de España, Brasil e Australia co obxectivo de determinar a probabilidade de sufrir “un episodio de estrés ou distrés acuático” en función da competencia natatoria de cada persoa e do lugar no que nade. Baseado nos datos achegados a través dun cuestionario por máis de 3000 persoas, este traballo completouse coa definición dunha “matriz de risco de afogamento”, unha “ferramenta de fácil comprensión” que permite avaliar o risco de diferentes actividades acuáticas. Trátase, como sinala o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e investigador principal do grupo Remoss, Roberto Barcala, “dunha táboa que serve para avaliarte e ter unha idea de cal pode ser o teu risco en función do teu nivel como nadador e onde te vas bañar” e que polo tanto, engade, pode servir como “unha guía para a poboación, que lles axude a escoller un espazo acuático o máis seguro posible”.