DUVI | Investigadores do grupo de Bioloxía Ambiental do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, acaban de publicar un artigo na revista científica Deep-Sea Research Part I no que describen dúas novas especies de hidrozoos atopadas en augas frías da costa oeste do continente africano, a máis de 400 metros de profundidade. Este achado chega da man da investigadora Marta Gil, quen levou a cabo este estudo supervisada polos investigadores, Fran Ramil, do CIM-UVigo, e André Freiwald, director do instituto Senckenberg and Meert Wilhelmshaven , centro alemán de investigación en biodiversidade mariña.
As novas especies foron bautizadas como Rosalinda nowaldi e Rosalinda lundavi e pertencen ao xénero Rosalinda, no que ata o de agora se incluían catro especies: R. williami, R. incrustans, R. marlina e R. naumovi, distribuídas xeograficamente por todo o mundo. Ambas apareceron sobre cadansúa cuncha de bivalvo: Rosalinda nowaldi foi atopada na cuncha de Acesta angolensis, no norte de Angola, e Rosalinda lundavi, sobre unha de Acesta excavata, en Mauritania. No artigo descríbense as súas características morfolóxicas, así como a súa distribución, diferenciándoas ademais do resto de especies do xénero Rosalinda descritas ata o momento.