DUVI | O proxecto europeo In Common Sports, do que forma parte o grupo de investigación HealthyFit, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, ten como obxectivo tanto desenvolver programas de actividade física e torneos deportivos para maiores de 65 anos, como analizar os efectos que estes teñen na súa calidade de vida e a influencia que ten a competición como factor de motivación. Coordinado pola Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, este proxecto levou nos últimos anos á organización de ‘olimpíadas’ de deporte sénior en diferentes países, unha iniciativa que, unha vez a situación sanitaria o permita, terá continuidade ata 2023 ao abeiro de In Common Sports: Fit, Food and Fun for Elderly, un proxecto seleccionado na última convocatoria do programa Erasmus + Sports. Cun financiamento de máis de 350.000 euros e coordinado tamén por Vila Nova de Cerveira, trátase ademais do único proxecto con participación da Universidade de Vigo seleccionado na última convocatoria deste programa comunitario.
Un proxecto europeo estudará en seis países como fomentar a práctica deportiva entre as persoas maiores
