Investigadores do GEAAT identifican unha ánfora da época romana atopada na illa de Cortegada

Ánfora

DUVI | No marco da colaboración existente entre o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, dependente da Xunta, e a Universidade de Vigo, investigadores do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) acaban de identificar con precisión unha ánfora pertencente á época romana e que foi atopada hai varias décadas en augas próximas á illa de Cortegada. Trátase dunha ánfora de tipo Dressel 2-4, un dos máis comúns producidos ao longo de todo o Mediterráneo desde o século I a.C. ata finais do século I d.C.

A peza, da que se conserva a parte superior completa, colo e boca pero non as asas, gardouna durante anos o veciño de Carril responsable do achado ata que en 2014 decidiu entregarlla ao Parque Nacional, que, á súa vez, a derivou á Universidade de Vigo para o seu estudo e análise no marco do convenio de colaboración existente entre ambas entidades. O traballo da Universidade de Vigo, realizado polo arqueólogo e membro do GEAAT Adolfo Fernández, permitiu determinar que a peza recuperada en Cortegada foi fabricada nun taller oleiro do norte de África, no actual sur de Tunisia e oeste de Libia, e se usaría, probablemente, para transportar viño africano, como demostra o interior resinado que aínda conserva.