DUVI | O Día da Muller e da Nena na Ciencia deben ser os 365 días do ano. Con esta premisa, en Ecobas (Economics and Business Administration for Society) decidiron organizar unha serie de actividades que poñan valor a investigación feita por mulleres no eido da Economía e a Empresa. Trátase de contribuír dende o centro da UVigo a “poder retornar mellor” despois da pandemia, establecendo “unha senda de desenvolvemento máis sostible no noso país”. Así o explica María Loureiro, directora científica de Ecobas, e coordinadora do primeiro dos eventos, A ciencia ten nome de muller, que terá lugar este venres pola tarde no Museo do Mar. Tanto a comunidade universitaria como toda a sociedade en xeral poderá participar nunha mesa redonda na que participarán investigadoras das tres universidades pertencentes a Ecobas para falar “da problemática das mulleres no eido universitario, pero non so iso. Parécenos relevante afondar na cuestión de xénero nestes momentos, pois tal como se está poñendo de manifesto con indicadores científicos, as mulleres foron moito máis afectadas que os homes durante esta pandemia”.
Ecobas organiza unha mesa redonda para visibilizar a investigación feita por mulleres no eido da economía e a empresa
