DUVI | A península ibérica será no futuro un territorio cada vez máis tórrido. Así se desprende dun estudo sobre proxeccións climáticas realizado por investigadores das universidades de Vigo e de Santiago de Compostela que prevé un aumento da intensidade das ondas de calor do 104% para o futuro próximo (2021-2050) en todo territorio peninsular. Os cambios máis importantes apuntados nesta investigación, que acaba de publicar a revista internacional Atmospheric Research, prodúcense na rexión centro-leste, chegando ao 150% para a costa mediterránea e os Perineos. Detrás deste novo avance sobre o futuro climático están Nieves Lorenzo, investigadora do grupo EphysLab do CIM-UVIGO e Alejandro Díaz-Poso e Dominic Royé, do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela. Os científicos tamén estiman unha maior extensión espacial das ondas de calor con tendencias do 6% ao 8% por década, o que suxire unha maior exposición humana, un aumento da demanda de enerxía e implicacións para o risco de incendio.