O grupo LaserON dá un importante paso no camiño cara a curación do cancro dos materiais: a corrosión

Dous dos investigadores do grupo nas instalacións do seu laboratorio no Cintecx

DUVI |  En agosto de 2018 o derrubamento do Paseo das Avenidas do Naútico durante a celebración do festival O Marisquiño provocou máis de 300 persoas feridas e, nese mesmo mes, o colapso da ponte Morandi de Génova causou 43 mortos. Algúns anos antes, no 2002, Galicia sufriu a súa maior catástrofe ambiental, provocada polo afundimento do buque Prestige e, entre as múltiples causas que provocaron o accidente e a posterior marea negra, estaba a corrosión do seu casco. Son tres exemplos claros dos efectos deste “cancro dos materiais” que é a corrosión, un problema de enxeñaría complexo e difícil de solucionar, que a miúdo se desenvolve de maneira aleatoria e impredicible, pero sobre o que se están a conseguir importantes avances, o último desde o grupo de Aplicacións dos Láseres LaserON da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, referencia internacional no campo do procesamento de materiais con láser, quen acaba de facer público, a través da revista científica Small, o achado dun novo proceso que permite controlar e guiar o proceso de corrosión dun material a través dun tratamento con láser.