DUVI | Desde o inicio da pandemia da COVID-19 en España son moitas as plataformas que veñen recollendo as cifras sobre a súa incidencia, non obstante case todas elas se quedan nunha análise superficial. Co obxectivo de poñer remedio a isto, a plataforma que propoñen desde o centro de investigación atlanTTic vai un paso máis aló. Panel Covid recompila todos os datos e informes publicados por fontes oficiais como son o Ministerio de Sanidade, a Renave (Red Nacional de Vigilancia Epidemiológica) e o INE (Instituto Nacional de Estadística) sobre a evolución da pandemia desde o seu inicio, co obxectivo de poder analizalos polo miúdo e amosalos de maneira sinxela e clara a calquera usuario.
Guillermo Barreiro, investigador do Grupo de Servizos para a Sociedade da Información (GSSI) pertencente a atlanTTic, comezou a traballar neste proxecto no mes de novembro de 2020, baixo a supervisión de Martín López Nores. “Creamos unha aplicación que descarga, extrae, procesa e almacena diariamente nunha base de datos en liña toda a información oficial dispoñible sobre a covid-19, e esta preséntase en forma de gráficas nunha páxina web”, explica Barreiro.