DUVI | Como promover unha transición cara unha economía circular que, ademais de contribuír a conservación dos ecosistemas, sexa tamén socialmente xusta? Esta é a pregunta á que, ao longo dos próximos tres anos, buscará dar resposta o proxecto JUST2CE. A just transition of circular economy, financiado con 3,6 millóns de euros polo programa comunitario H2020 e liderado polo investigador Mario Pansera, que a comezos deste ano se incorporaba á UVigo como gañador dunha axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC). Coordinado pola Universitat Autónoma de Barcelona e pola Universidade de Vigo, este proxecto reúne 14 socios de nove países europeos e africanos, tanto institucións académicas e centros de investigación como organizacións non gobernamentais, e abranguerá tamén a análise de experiencias concretas co propósito de deseñar unha aplicación que achegue recomendacións a institucións e empresas á hora de promover medidas que favorezan a implantación de novas prácticas de economía circular.
Institucións de Europa e África analizarán como facer socialmente xusta a transición cara a economía circular
