Un equipo multidisciplinar caracteriza as pinturas rupestres prehistóricas do Penedo Gordo

Membros do equipo durante os traballos realizados no propio xacemento

DUVI | Tras a descuberta en 2017 de pinturas rupestres de estilo esquemático no xacemento arqueolóxico do Penedo Gordo (Vilardevós-Ourense), un equipo de investigación multidisciplinar das universidades de Vigo e Coimbra (Portugal) traballou no estudo destes vestixios “excepcionais”. Unha das súas liñas de traballo principais foi deseñar e pór en práctica un protocolo multianalítico para caracterizar estas pinturas prehistóricas, combinando técnicas analíticas in situ e de laboratorio. Na realización desta caracterización, na que participaron investigadores de Historia, Enxeñaría de Minas e Enerxía e Enxeñaría Industrial da UVigo, descubriron unha pinga de pigmento vermello preservada nunha capa arqueolóxica asociada a restos materiais do Neolítico final/Idade do Cobre.