Reflexións sobre unha arte incerta xurdidas no ano da incerteza

Portada do quinto libro do congreso Fugas e Interferencias

DUVI | A situación sanitaria xerada pola covid-19 converteu 2020 nun ano marcado polos cambios e as incertezas, no que os responsables do congreso internacional de arte de acción Fugas e Interferencias, decidiron desbotar o desenvolvemento, no seu formato habitual, do único evento académico centrado na performance de España. Mais isto non implicou a suspensión do congreso que, no seu obxectivo de fomentar a investigación en torno á arte de acción, mantivo a súa chamada á presentación de traballos, da que o comité científico seleccionou os doce estudos que agora se reúnen no libro de actas desta edición. Un volume, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade en formato virtual, que se presenta cunha imaxe, pertencente a unha performance de Valeria Martínez Lojo, na que pode lerse ‘sempre pasa algo’. “Parecíamos moi axeitada para os tempos que estabamos vivindo e tamén como algo que describe a incerteza que rodea a práctica da performance”, o seu “carácter continxente e a súa imposibilidade intrínseca de planificación”, salienta o profesor da Facultade de Belas Artes, Carlos Tejo, codirector xunto coa investigadora e crítica de arte Marta Pol deste congreso internacional.